20 de dec. de 2014

Dos arquivos do trasno

Ao longo deste trimestre, o alumnado de 1ºBAC estivo a traballar coa obra Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste. Inspirándose en dous relatos que aparecen neste libro, "Sobre da morte de Bieito" e "Na morte de Estreliña", as alumnas Carlota e Laura fixeron uns orixinais vídeos que vos presentamos a continuación.

 Sobre da morte de Bieito



Na morte de Estreliña





29 de nov. de 2014

Contra a Violencia de Xénero

Un ano máis, o 25 de novembro é a data na que todos e todas levantamos a voz Contra a Violencia de Xénero. O alumnado do IES Castro Alobre tamén o fixo ao seu xeito, desta vez, coa elaboración duns murais nos que deixaron as súas mensaxes contra esta violencia tan covarde.

                                                                         3º ESO- C

Podedes ver todas as imaxes en Pinterest.


24 de out. de 2014

Samaín 2014: A bruxa regañadentes


Tres irmáns, desatendendo as advertencias da nai, intérnanse nun bosque escuro e misterioso, onde calquera cousa pode suceder. O máis pequeno, temeroso e consciente do perigo, trata de avisar os dous máis vellos, pero cando ten que tomar unha decisión acaba por acompañalos. Como non saben o camiño de volta, deciden entrar na casa da bruxa, onde cheira a comida...

Esta é a historia de terror e medo que viven os protagonistas de A bruxa regañadentes. Ideal para compartir agora que chega o Samaín e as vésperas de Defuntos...




Máis recursos aquí.

21 de xuño de 2014

Fin de curso 2013 / 2014

E aí vai un curso máis. Ou iso parece, que aínda nos queda unha semaniña e parte de setembro. Parece que foi onte cando chegamos á cima do Valdarrosa, alá onde se atopa o IES de Ponte Caldelas. A tarefa non era nada doada. Tiñamos que substituír a unha mestra moi querida por todos como é Mercedes Martínez Plasencia, autora da obra Ponte Caldelas. Memoria escrita dun pobo. 1500 -1936, quen levaba máis de 20 anos impartindo aulas neste IES. Os nosos comezos non foron fáciles, pero pasiño a pasiño fomos facendo o camiño. 

Este foi un curso no que, precisamente,  tivemos que andar por diversos camiños, polo que non dispuxemos de moito tempo para visitar o noso recuncho do ciberespazo. A volta á universidade e os seus innumerables traballos obrigáronnos a dedicar toda a nosa atención ao apaixonante mundo da investigación (e nel seguiremos).

Pero si tivemos a oportunidade de percorrer dende o Proxecto Interdisciplinar o Camiño dos Arrieiros, ese Camiño Real que une Pontevedra (pasando por Ponte Caldelas) e Ribadavia, vía que descoñeciamos por completo e que, grazas ao traballo do profesorado deste Instituto, puidemos descubrir. A propia mestra Mercedes, o profesor Humberto Martínez Gargamala, o resto do claustro e, en especial, todo o alumnado lograron recuperar este anaco de memoria histórica tan importante para a zona. Con eles atravesamos o Suído, o Faro de Avión, o val do Verdugo e do Oitavén. Tamén vimos os chozos, as pontellas, os pazos e percorremos as rúas da antiga Pontevedra ata chegar ao porto dende o que se deu a coñecer o viño do Ribeiro ao resto do mundo. Toda unha experiencia e unha aprendizaxe continua. 

Outro camiño que se abriu foi o da aprendizaxe cooperativa. Un novo vieiro no que deberiamos investigar se realmente queremos loitar contra a indiferenza de certo alumnado.

En resumo, un curso de moitos e diferentes traballos que, ao final, deunos a oportunidade de reflexionar sobre moitas cuestións e de facer moita autocrítica. Ao longo do verán, iremos poñendo en orde as nosas ideas...

Para finalizar, gustaríanos deixar aquí o sentido e emotivo Limiar que escribiu a profesora Susana Trigo Arcos para  o Falabarato, a revista do Instituto.  Unha preciosa homenaxe para toda a comunidade educativa deste estupendo IES de Ponte Caldelas.

DO TEMPO, DA MAXIA E DOS CAMIÑOS NO INSTI
(a xeito de homenaxe ao profesorado)

O insti é un deses espazos que acaba por converterse en tempo. Chantado no outeiro do camiño de Valdarrosa, é tan visible desde a contorna que ás veces dá grima. Pero aínda é máis presente no tempo. "Estes anos" que pasamos aquí, logo mudan "naquela época" inesquecible. E un nodo queda marcado no mapa da vida, do que van partindo camiños e ao que se van xuntando persoas.

Como cada ano, 4º ESO, PCPI e 2º BACH acadades unha meta. Quen traballastes coas ferramentas do esforzo e o optimismo xa levades unha gran lección aprendida. Noraboa! Este espazotempo que compartimos ten moito de espera para o profesorado. Traballamos no oficio da educación con sementes invisibles e ferramentas inmateriais. E logo, poñémonos ao dispor do porvir, pacientes, agardando que a cultura depositada agrome enriquecida tamén con valores e actitudes. Marchades a abrir carreiros, que han unir o lugar do insti con remotos destinos. Mais aínda habedes demorar con gusto neste tempo emocional. Porque aquí ocorreron cousas fermosas que xa vos fixeron mellores do que erades ao chegar.

Tamén un fato de profes van emprendendo a marcha. Deixan esta veiga de traballo á que tanto tempo dedicaron, mais quedan para sempre prendidos nas nosas silveiras:

Mercedes. Mercedes leva o aroma dunha corredoira, ela que tantos camiños rurais nos agasallou. O seu andar livián de mestra porta unha sabedoría ancestral, un aquel entre prímula e cantar do pobo que xa estamos a botar en falta.

Humberto. Humberto invoca territorios delineados con sebes de salgueiro, redes 2.0, petróglifos, comunidades virtuais e pontellas no río. Coa axuda das máis fascinantes cartografías, convéncenos de que outra escola é posible. Lanzal labrego, adiántase camiño das aulas.

Uxío. Uxío ten a ben ocultar trala tralla do arrieiro os seus outros coñecementos serenos e fondos. Mantén a vista de lonxe, imprescindible para protexer este lugar de incendios varios. Marcha lento e cauteloso coma quen sabe máis do camiño que o propio camiño.

E Marga, a máis brava na súa viaxe. Marga sempre andará resolta e sorrinte nos corredores, levando unha versión retranqueira e útil do Quijote nos beizos. Ecoa o silencio da lectura. A súa pegada arrecende a libros luminosos. 

Se este oficio noso do cultivo da cultura -que redundancia tan curiosa!- precisa da espera, tamén élle fundamental a maxia. Encantamentos varios para tirar de vós e poñervos firmes no rego. Cantos intres de desánimo foron desbaratados? Cantas invocacións, fórmulas segredas e trebellos enmeigados foron empregados para deixar entrar o feitizo do coñecemento? Que correu por entre todas as canles e recantos do insti, por certo. E con azos!

Se a educación é un ben social, vós andastes nun dos seus mellores obradoiros. Non quedou fouciño nin martelo sen descanso.

Pola contra, se algúen aínda pretende que o ensino non é un dereito universal, que saiba que cando se restrinxe a cultura, o que se trunca son os camiños do porvir, o tempo que ha de ser a maxia do que aínda se xesta. Nós, o profesorado, estamos arreo desta beira, coas botas cheas de lama na veiga do futuro. 

Ben merecido é xa, pois, o lecer de verán.


15 de maio de 2014

Letras Galegas 2014: Xosé Mª Díaz Castro

Despois de tanto tempo, despois deste esquecemento virtual do blog, queremos retomar un poquiño (dentro do posible) a nosa actividade. Non podiamos deixar pasar o Día das Letras Galegas. Por iso, achegamos este fermoso vídeo que fixeron os alumnos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Nel formulan unhas interesantes preguntas. O poeta nace ou faise? É poética a Terra Chá? Pero o que máis nos gusta son esas imaxes finais dos rapaces cantando un dos poemas máis fermosos de Díaz Castro: "Como un río". Este é o documental A lus do mundo.


Materiais sobre Díaz Castro en Botóns (Portal Galego de Educación)

25 de xan. de 2014

Microtopónimos

Comezamos o 2014 cun interesante vídeo que nos fala dos microtopónimos da zona de Pontevedra. Sería bo que se desenvolvesen máis traballos coma este para axudar a conservar e difundir todos eses pequenos nomes que forman parte da nosa paisaxe.