21 de xuño de 2019

Fin de curso 2018 / 2019

E aí vai a outro final de curso... Como pasa o tempo! Parece que foi onte cando chegaba ao Julio Prieto Nespereira e xa teño que marchar de novo. 

A verdade é que este ano foi especial para min porque foi unha experiencia marabillosa poder impartir aulas no meu insti, no centro no que eu estudei o Bacharelato e o COU (que tempos!!). Ver de novo a profes dos que fun alumna e agora telos de compañeiros ... ter por alumnos e alumnas á rapazada do meu barrio... o certo é que unha experiencia preciosa. 

Cando eu era alumna, nunca pensei que chegaría a dar clases no meu propio instituto, pero a vida dá moitas voltas. Espero e desexo que algúns dos nenos/as que tiven este curso teñan a mesma oportunidade no futuro e que nos volvamos atopar no Julio Prieto Nespereira, a próxima vez, de colegas de profesión ( e se poder ser como colegas do Departamento de Galego, moito mellor :-)). 

Un abrazo enorme para toda a xente do mellor instituto de Ourense, grazas por todo o cariño e ...
BO VERÁN!!!

Deseño gañador do concurso Letras Galegas
Autora: Noelia Nogueiras - 1º BAC - A

7 de maio de 2019

Letras Galegas 2019: Antón Fraguas

Achégase o 17 de maio, data na que celebramos o Día das Letras Galegas, este ano dedicado á figura de Antón Fraguas. Atoparedes información e recursos sobre el no Portal da Lingua Galega.


Tamén deixamos as bases para o concurso de adhesivos que organizan o EDLG e o Departamento de Galego do IES Julio Prieto Nespereira.



2 de maio de 2019

Coplas dos Maios 2019

Un ano máis, aquí deixamos o enlace ao traballo que fixeron os rapaces do noso insti. Nesta ocasión son as coplas que fixeron os rapaces e rapazas de 1º ESO do IES Julio Prieto Nespereira, de Ourense. Esperemos que vos gusten!

Coplas dos Maios 2019








22 de abr. de 2019

Festa dos Maios 2019

En épocas remotas, os galegos celebraban a chegada da primavera e o remate do cru inverno e propiciaban deste xeito a obtención de boas colleitas. Nos tempos actuais, as festas dos maios son a última manifestación folclórica que festexa en Galicia o final do inverno. Constrúense figuras con elementos naturais, como musgo, flores silvestres, ovos, paus e arredor delas cántanse, con acompañamento de paus, coplas e cancións irónicas e críticas con feitos ou personaxes de actualidade.
O próximo día 5 de maio, celébrase na nosa cidade a tradicional Festa dos Maios, declarada no Consello da Xunta de Galicia do 4 de outubro de 2001 Festa de Galicia de Interese Turístico na provincia de Ourense. Co galllo desta celebación, dende o Concello de Ourense, convócase todos os anos un Concurso de Maios e Coplas no que participan todo tipo de grupos e colectivos sociais e culturais. (www.turismo.gal)

26 de mar. de 2019

20 de mar. de 2019

Día da poesía

O 21 de marzo celébrase o Día da Poesía. O alumnado de 1º ESO xa está preparando os seus traballos para participar desta festa da palabra. Aquí deixamos unha pequena mostra.







14 de mar. de 2019

A derradeira leición do mestre, en Ourense

O cadro máis representativo de Castelao, A derradeira leición do mestre, o Guernica galego, está xa en Ourense. A obra permanecerá na antiga biblioteca do Pazo Provincial da Deputación de Ourense ata o 7 de abril, data na que regresará ao Centro Galicia de Bos Aires.

A obra foi pintada por Castelao en Bos Aires no ano 1945 coma homenaxe ao seu amigo Alexandre Bóveda, un intelectual galego que foi fusilado en Poio o  17 de agosto de 1936, aos 33 anos de idade. 

Na fotografía que aparece a continuación,  Brais Lorenzo captou á perfección a emoción de Amalia, filla de Alexandre Bóveda, que asistiu á inauguración da exposición.

                                                 Fonte: Faro de Vigo , foto de Brais Lorenzo

Día Internacional da Muller

Un ano máis, o 8 de marzo ten lugar o Día Internacional da Muller. Como podedes ver, a cidade de Ourense botouse á rúa para reivindicar a igualdade.



6 de mar. de 2019

19 de feb. de 2019

24 de febreiro: Día de Rosalía

Un ano máis facemos a nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro coa creación destes fotopoemas. Desta vez, foi o alumnado de TIC do IES Julio Prieto Nespereira coa axuda da profesora Mª Asunción Rivera.

E desta vez, a banda sonora para o Día de Rosalía póñena as De Vacas co seu tema "Rexurdimente" (que seguro que che soa).


15 de feb. de 2019

21 de febreiro: Día da Lingua Materna

A ONU proclamou o 2019 como o Ano Internacional das Linguas Indíxenas para que os Estados adopten medidas para preservalas, revitalizalas e promovelas. Alistair Heather explícanos neste vídeo que unha das linguas que se fala en Escocia é o escocés (non só o inglés). Tamén nos conta que, precisamente, esta lingua minoritaria debería de contar cunha maior protección. Se nos paramos a pensar, o certo é que escocés e galego parecen ter trazos en común no que respecta á súa situación e historia... 

Ademais, nos próximos días celebrarase o Día Internacional da Lingua Materna, que foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e que se celebra anualmente dende o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. 


Fonte: DornaFG

14 de feb. de 2019

Poesía namorada

O 14 de febreiro serviulle ao alumnado de inspiración para crear algunhas composicións poéticas. Algúns ata se atreveron cos sonetos! 



O seseo estase perdendo

"O seseo estase perdendo" é o titular que nos chega dende o xornal La Voz de Galicia. Nel, Tamara Ríal Fontes fala sobre esta característica fonética do noso idioma. Por se o queredes ler, deixamos a ligazón aquí.


12 de feb. de 2019

De amor e amizade



Se en xaneiro tivemos o Día da Paz, este mes de febreiro non podemos esquecer unha data tan sinalada como é o Día dos Namorados ou o San Valentín (que tanto nos/vos gusta). Para celebralo, convidámosvos a crear unha pequena composición literaria en formato de carta, conto ou poema que faga referencia ao amor ou á amizade. Por se vos serve de inspiracións, compartimos esta antoloxía de poemas de amor que fixo a compañeira Celia Díaz.

III Concurso Literario Infantil sobre a protección de datos

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocan o “III Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos”. Poderá participar o alumnado de 1º a 4º de ESO (tamén 5º e 6º de Primaria). Deixamos toda a información aquí.