Un ano máis, aquí deixamos o enlace ao traballo que fixeron os rapaces do noso insti. Nesta ocasión son as coplas que fixeron os rapaces e rapazas de 1º ESO do IES Julio Prieto Nespereira, de Ourense. Esperemos que vos gusten!
En épocas remotas, os galegos celebraban a chegada da primavera e o remate do cru inverno e propiciaban deste xeito a obtención de boas colleitas. Nos tempos actuais, as festas dos maios son a última manifestación folclórica que festexa en Galicia o final do inverno. Constrúense figuras con elementos naturais, como musgo, flores silvestres, ovos, paus e arredor delas cántanse, con acompañamento de paus, coplas e cancións irónicas e críticas con feitos ou personaxes de actualidade.
O próximo día 5 de maio, celébrase na nosa cidade a tradicional Festa dos Maios, declarada no Consello da Xunta de Galicia do 4 de outubro de 2001 Festa de Galicia de Interese Turístico na provincia de Ourense. Co galllo desta celebación, dende o Concello de Ourense, convócase todos os anos un Concurso de Maios e Coplas no que participan todo tipo de grupos e colectivos sociais e culturais. (www.turismo.gal)
O 21 de marzo celébrase o Día da Poesía. O alumnado de 1º ESO xa está preparando os seus traballos para participar desta festa da palabra. Aquí deixamos unha pequena mostra.
O cadro máis representativo de Castelao, A derradeira leición do mestre, o Guernica galego, está xa en Ourense. A obra permanecerá na antiga biblioteca do Pazo Provincial da Deputación de Ourense ata o 7 de abril, data na que regresará ao Centro Galicia de Bos Aires.
A obra foi pintada por Castelao en Bos Aires no ano 1945 coma homenaxe ao seu amigo Alexandre Bóveda, un intelectual galego que foi fusilado en Poio o 17 de agosto de 1936, aos 33 anos de idade.
Na fotografía que aparece a continuación, Brais Lorenzo captou á perfección a emoción de Amalia, filla de Alexandre Bóveda, que asistiu á inauguración da exposición.