4 de set. de 2013

Bolsas Comenius para profesores: informe final

Unha vez que finalizamos a nosa actividade formativa, temos 30 días naturais para enviar o Informe Final á Axencia Nacional (OAPEE). Este informe témolo que mandar en liña e por correo postal (cunha copia do certificado que nos deron ao finalizar o curso). Despois de entregar toda esta información, teremos dereito a recibir o resto do importe económico da bolsa.

O Informe Final consta de varios apartados nos que debemos poñer toda a información que nos solicitan sobre o curso que fixemos. O primeiro deles trata sobre as actividades preparatorias que realizamos para poder facer con éxito o curso. Nelas están incluídas a preparación lingüística, as lecturas recomendadas dende a organización do curso ou as enquisas previas á realización da actividade que nos enviaron dende Cambridge.

Nun segundo paso, debemos describir os contidos que se incluían na actividade formativa, as tarefas que realizamos e a metodoloxía que empregou a profesora no desenvolvemento das clases. Xunto cos contidos do curso,  teremos que sinalar o seguimento que se fixo das actividades desde Cambridge e o seguimento posterior, ademais de explicar como vai ser a  difusión dos coñecementos que adquirimos e os medios que imos utilizar para realizala (Internet, intercambios, seminarios...).

Unha vez máis, debemos reflexionar sobre o impacto que vai ter na comunidade educativa a nosa participación nesta actividade formativa. Para isto, teremos que describir como vai repercutir a nosa formación na xestión do centro, no labor dos nosos compañeiros ou no proceso de aprendizaxe do alumnos.

Por último, só nos queda facer unha valoración do curso ao que asistimos e engadir os comentarios ou suxerencias que consideremos para que a Axencia Nacional os teña en conta.

Cómpre lembrar que tamén hai posibilidade de solicitar un certificado á Xunta de Galicia no que se recoñeza a nosa participación nunha actividade formativa dentro do Programa Comenius. Estes certificados tamén os poden solicitar todos aqueles que gozen doutro tipo de bolsas dentro dos Programas Europeos. Para conseguilo, hai que acceder á sección Linguas Estranxeiras que aparece ao final do portal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.  Unha vez alí, debemos entrar en Programas Europeos e acceder a Servizos para escoller a opción Expedición de Certificados. Aquí eliximos o enlace que corresponda (no noso caso Formación Continua Comenius) e cubrimos a Acta de Avaliación cos datos que nos piden. Xunto coa Acta, debemos incluír unha breve memoria do curso, copia do informe final que enviamos a Madrid, copia compulsada do certificado que nos deron no curso (pódenche compulsar a copia no rexistro da Xunta no que entregues a documentación ou Delegación Provincial) e un escrito no que figuren os nosos datos e os documentos que presentamos para a nosa solicitude. Este escrito ten que ir dirixido ao seguinte enderezo:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Unidade de Programas Europeos
Edificio de San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.