23 de set. de 2013

Moodle

Estes días estamos a facer un curso en liña no que nos ensinan a utilizar a plataforma Moodle. O nome do curso é Learn Moodle e desenvólvese en inglés, aínda que existen foros en español e tamén a posibilidade de activiar os substítulos en castelán nos vídeos explicativos de YouTube. Trátase dunha actividade moi interesante que nos permite crear o noso propio curso en liña sobre calquera materia. Unha vez elixido o tema, podémolo organizar de múltiples maneiras xa que a plataforma ofrece a posibilidade de utilizar moitísimas actividades. Evidentemente, pódense subir textos en PDF, establecer enlaces a outras páxinas, utilizar vídeos... todo tipo de recursos. Ademais, podes crear as túas propias actividades na mesma plataforma, algunhas delas moi semellantes ás que se poden facer con HotPotatoes pero que resultan máis doadas de utilizar (tamén son máis sinxelas a nivel visual).

Os alumnos poden participar en foros, crear wikis, glosarios comúns ou resolver cuestións en grupo. Poden entregar os seus traballos dende o propio Moodle xa que a plataforma permite subir arquivos ou escribir mensaxes para entregar ao profesor. O traballo de corrección pode resultar máis doado xa que dispón dun apartado no que se rexistran todas as persoas que acceden ao curso, o momento no que entran nel, as actividades nas que participan, etc.

A configuración do curso é bastante sinxela e intuitiva pero, se queremos ofertar un curso interesante e que resulte produtivo para o alumnado, teremos que elaborar actividades de calidade. Coma na maioría destas plataformas, o principal é ter material suficiente e interesante para colocalo na rede. Moodle ofrece os medios pero, as actividades témolas que realizar nós. A verdade é que se temos un bo banco de recursos xa elaborados e somos capaces de coñecer todas as virtudes de Moodle, podemos crear un curso realmente completo e útil. Do contrario, teremos que dedicar moito tempo a elaboralo pero cremos que paga a pena porque hai resultados espectaculares.

Nós optamos por comezar a crear un Curso Básico de Galego. Ten moi pouquiñas actividades e imos facendo o imprescindible que nos piden as profes porque non temos demasiado tempo estes días. Cada domingo, estamos convocados a unha reunión diante do ordenador para ver o titorial no que nos explican o que se vai facer ao longo da semana. Este domingo, levamos unha grandísima sorpresa ao ver que o noso curso aparecía no titorial en directo e que as profes falaban del diante dos demais compañeiros. Supoñemos que entre tanto curso en inglés, o galego chamoulles a atención. Deixamos aquí o vídeo do titorial no que aparecen os comentarios das profesoras. Sobre o minuto 31:57  poderedes escoitar as súas opinións.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.