28 de xul. de 2013

Comenius 2013: camiño de Cambridge

Chegou o día! O domingo 28 de xullo, iniciamos a nosa viaxe a Cambridge para realizar nesa cidade un curso moi especial. Pasaremos dúas semanas no Homerton College, un colexio que está situado no corazón do campus universitario, para participar no curso Language and Methodology Refresher (Secondary/Adult) que organiza a institución Bell English no seu programa especial para profesorado (Bell Teacher Campus).

O certo é que se podemos asistir a esta actividade é grazas á importante axuda económica que nos proporciona o Programa Europeo Comenius  e que subvenciona cursos de formación para os docentes. As persoas que a solicitan poden escoller entre infinidade de actividades que teñen lugar dentro do marco da Unión Europea. Dende o primeiro momento, estivemos interesados en facer un curso que nos permitise mellorar o nivel de inglés, pero tamén coñecer novas metodoloxías no mundo do ensino. A nosa opción favorita era este interesante curso en Cambridge polo que fixemos a solicitude en xaneiro e no mes de marzo xa nos comunicaron que estabamos admitidos.

Para realizar a solicitude, hai que dirixirse ao enlace que ofrece a páxina da Agencia Nacional e alí pódese atopar toda a información necesaria, dende o catálogo de cursos ata a guía de solicitude.  Ademais dos vosos datos persoais e información sobre o curso que elixades, teredes que facer unha especie de "candidatura" na que deberedes explicar os vosos motivos para pedir a participación nunha actividades destas características. No formulario hai uns espazos que están destinados a especificar cales son as actividades que tedes pensado realizar para preparar a vosa participación na actividade formativa. Isto acostuma facer referencia á preparación lingüística xa que  hai que ter en conta que o curso terá lugar nun país da Unión Europea que non é España e, polo tanto, deberedes coñecer o seu idioma. Un segundo punto está relacionado cos obxectivos que pretendedes acadar coa asistencia a esa actividade (oportunidades laborais, ampliar coñecementos, mellorar nivel de inglés...) e o terceiro, co que eles chaman "impacto". Isto ten que ver coa repercusión que a realización do curso terá no voso centro de traballo, outros docentes, alumnado...

Xunto a estes puntos, tamén ten moita importancia o valor europeo que cobra a actividade, o feito de comunicarse con colegas de outros paises para intercambiar coñecementos e falar de futuros proxectos que axuden a promover a "mobilidade xeográfica". Unha das finalidades deste programa e propiciar o encontro entre profesionais para que despois dende os centros de traballo se dea lugar colaboracións entre escolas e institutos de diferentes países. Para conseguir isto, tamén teredes que deseñar un plan de difusión dos coñecementos adquiridos. Neste plan, hai que explicar as actividades que se realizarán para difundir as actividades realizadas, as ideas compartidas e o proxectos de futuro que levaredes a cabo co voso centro, outros profes, alumnado ou de xeito individual.

Polo que a nós respecta, estas últimas semanas, estivemos preparando a nosa viaxe e todo o papelame que precisamos para gozar con total seguridade dos quince días que vai durar a nosa estancia en UK. Ademais das clases matinais,  tamén poderemos participar das excursións e actividades sociais que organiza a academia e que inclúen visitas ao British Museum ou pequenas escapadas a Canterbury. De todo o que vaiamos facendo, daremos boa conta dende este blog. Agardamos escribir as nosas próximas entradas dende terras inglesas. See you!

                                                             Homerton College, Cambridge
                                                 


26 de xul. de 2013

O turismo idiomático en Galicia


A I Xornada de Turismo Idiomático que organizaron o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) e a xerencia dos Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela tivo lugar o pasado 18 de xullo, na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Ao longo da tarde, tivemos a oportunidade de escoitar a tres relatores (Xosé M. Santos Solla, Valerià Paül Carril e Lanzada Calatayud) que nos falaron sobre esta nova tendencia turística e do potencial económico que supón para as rexións que a desenvolven.

O Turismo Idiomático (Turismo Lingüístico, Estancias Lingüísticas... non imos entrar no debate sobre a súa denominación) pretende reunir unha oferta educativa que permita coñecer outras linguas e unha oferta turística que dea a coñecer dende a gastronomía ata o patrimonio artístico da comunidade, ademais de proporcionar unha inmersión lingüística total. Grazas ás actividades que promove o Turismo Idiomático, as persoas que se deciden por esta nova opción adoitan facer estadías máis longas nos seus lugares de destino, algo que repercute positivamente na economía das cidades que visitan.

Debemos lembrar que o século XXI é o século da globalización, do plurilingüismo, multiculturalismo e interculturalidade polo que, se temos en conta que o español é a segunda lingua máis estudada no mundo,  a lingua oficial de 21 países e ocupa o 3º posto como lingua empregada na Internet (despois do inglés e chinés), o ensino do español podería ser un sector importante a desenvolver no noso país, do mesmo xeito que a aprendizaxe do inglés é un reclamo para Reino Unido e Irlanda.


                                                                     Xosé Santos

Neste sector turístico, unha comunidade bilingüe coma a galega debería partir con vantaxe xa que, ademais da aprendizaxe do español, pode ofrecer o ensino da lingua galega, un idioma ponte para adentrarnos no veciño mundo da lusofonía. Sorprendentemente, o portugués aparece como a quinta lingua máis usada na rede (despois do xaponés). Esta lingua xa é a terceira máis empregada nas redes sociais (Facebook e Twitter) pero, tamén o é no mundo dos negocios de gas e petróleo (Angola e Brasil), aínda que en Galicia parece que moitos non son conscientes da importancia deste idioma. O portugués está disposto a seguir medrando e adquirir prestixio no terreo da ciencia e da diplomacia, ademais de aspirar a se converter en lingua de traballo na ONU xunto co inglés e o francés.

Quere isto dicir que Galicia debería comezar a verse como un destino turístico ideal para estudar, falar e vivir en dúas linguas. Contamos no noso territorio con tres importantes universidades que poden captar novos estudantes (eles tamén son turistas) e que poden dinamizar diferentes actividades culturais e turísticas, tal e como están a facer dende os Cursos Internacionais da USC. As persoas que participan nestas actividades pasan máis tempo na nosa comunidade xa que, normalmente, veñen para facer unha inmersión lingüística e aprender o idioma. Se a súa estadía é máis longa, hai máis posibilidades de que o beneficio económico que deixen tamén sexa maior.

En España, son as comunidades bilingües de Cataluña e Valencia as que teñen unha maior demanda deste tipo de turismo. No noso caso, Galicia preséntase como unha excelente alternativa no norte do país como comunidade con dúas linguas que mostra a situación que se dá en España e que permite coñecer mellor esta pluralidade, ademais de presentar o galego as bases para achegarse a Portugal e aos novos mercados que o país veciño nos oferta (Brasil á cabeza, pero tamén aos PALOP e a Asia). Da mesma maneira que son referentes para estudar a lingua inglesa as cidades de Cambridge, Oxford, Cork ou Dublín (grazas ás súas universidades e academias), tamén Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña ou as outras cidades con campus universitarios poderían chegar a ser un referente no ensino do español e galego e, máis en concreto, nesta nova actividade turística.

 O que debemos destacar é que en Irlanda e Reino Unido, o turismo idiomático ten un apoio  importantísimo do sector privado (academias, colexios...) e non só das universidades. Se botamos unha ollada ao Catálogo de Cursos Comenius e Grundtvig, observaremos que só no Reino Unido podemos atopar máis de 500 cursos relacionados coa aprendizaxe do inglés en distintas academias, mentres que en España o número de cursos que se ofertan para profesores de español como lingua estranxeira non chega nin a 30.

As bolsas Comenius e Grundtvig que ofrece a Unión Europea a profesores e estudantes promoven que os docentes de toda Europa viaxen a outros países para completar a súa formación, coñecer outras metodoloxías e mellorar a súa competencia lingüística. Nese caso, por que España non conta cunha maior oferta para promocionar a súa linga e atraer estudantes/turistas? Cada ano, multitude de profesionais solicitan estas bolsas para poder viaxar a outros países polo que cremos que España debería fixarse nas posibilidades que ofrece este tipo de turismo. As academias de linguas que agora están a vivir o seu momento de esplendor grazas ao inglés, non deberían esquecer que teñen dous recursos fundamentais aquí mesmo para ampliar os seus negocios: o español e o galego.

As institucións e organismos que forman parte do Catálogo Comenius e Grundtvig contan cun gran prestixio e con programas adaptados non só a profesores ou estudantes, senón a sectores determinados da poboación. En Irlanda e Reino Unido, ademais das actividades formativas para docentes, tamén ofertan cursos de inglés para o mundo dos negocios, o turismo ou mesmo para persoas maiores de 50 anos que simplemente queren aprender máis e coñecer outras culturas. Calquera destes cursos son realmente atractivos e tamén nós imos participar nun deles este verán, en concreto na cidade de Cambridge, no Bell Teacher Campus. Clases de inglés pola mañá, seminarios e obradoiros pola tarde e multitude de actividades culturais que nos permitirán coñecer non só Cambridge, senón tamén Oxford, Londres e outros lugares, ademais de visitas á Cambridge University Press Bookshoop ou asistir ao Cambridge Shakespeare Festival.

Algúns dirán que o galego non ten posibilidades neste mercado por non ser unha das grandes linguas (inglés, español...) pero o certo é que hai múltiples opcións para todo o mundo e debemos dicir que quedamos sorprendidos ao saber que hai turismo idiomático en Suecia ou mesmo en Occitania. Valerià Paül Carril falounos desta última iniciativa na que aproveitan a importancia histórica e cultural da lingua occitana, hoxe morta, pero que viviu o seu esplendor durante a Idade Media a través da literatura trobadoresca e o Camiño de Santiago. Precisamente, temos no Camiño o vínculo entre Galicia e a Provenza, ademais das cantigas e as canços da literatura medieval. O segredo do éxito do turismo idiomático nesta rexión do sur de Francia é utilizar as actividades culturais coma fío condutor dos cursos de lingua, con actividades atractivas adecuadas ao destinatario e ao lugar.

Deste xeito, Galicia tamén tería que ter en conta as súas particularidades para non depender do turismo español (de sol e praia) e si fomentar un turismo autóctono cuxa porta principal cara ao estranxeiro é, sen dúbida, o Camiño. Ademais, debería reformular outras aspectos como son o turismo rural e explorar a posibilidade de unir a lingua (un ben que non se esgota e que tamén é un recurso económico) con actividades termais, mariñeiras, naturais, gastronómicas ou artesanais que non atraen só ao turismo internacional, senón tamén ao chamado turismo de proximidade. Neste punto, lembremos que a Universidade de Vigo conta cun Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde dende o que, talvez, se poderían investigar futuras accións dentro do campo do turismo idiomático, xa que existe a posibilidade de  tender pontes entre a lingua (española ou galega) e o termalismo ou a enoloxía creando cursos específicos para estes sectores tan importantes pero, abrindo unha porta a moitos outros como son a arte ou a arquitectura. Galicia conta con impresionantes mosteiros, conventos, castelos, fortalezas, pazos, igrexas... que permitirían crear unhas rutas turísticas únicas.

                                                                     Lanzada Calatayud

Xosé Santos falaba da imaxe do Camiño no mundo e da importancia que tivo no desenvolvemento do turismo galego o ano 1993. Na actualidade, cómpre continuar coa promoción da Ruta Xacobea xa que é a principal ventá que Galicia ten ao exterior, aínda que segundo recoñecía el mesmo, é difícil “manter a tensión” sobre este destino turístico ata o 2021, que será o ano no que teña lugar o próximo xacobeo. Por ese motivo, o Turismo Idiomático é outra alternativa para atraer xente á nosa terra que, ademais, conta coa vantaxe de que é un turismo que se pode dar fóra da estación de verán. Pódense ofrecer cursos tanto para estudantes como para maiores ou profesionais de determinados ámbitos (negocios, comunicación, medicina...) durante todo o ano pero antes hai que idear un destino atractivo, non baseado só na lingua senón tamén na oferta turística. Comentaba Lanzada Calatayud que o importante é crear, en primeiro lugar, unha marca (no caso dos Cursos Internacionais), un distintivo que se recoñeza polo que o apartado de márketing e publicidade xoga un papel fundamental neste sector. O posicionamento nas redes sociais tamén é fundamental porque, na actualidade, permite chegar a máis público con menos gasto. De feito, a maior parte do alumando que participa nos cursos de lingua da USC veñen de países como China, Xapón, Corea ou Qatar. Son os países de Asia, Oriente Medio e Brasil os que mostran maior interese en coñecer Galicia e o 70,97% do alumnado escolle Santiago de Compostela polo atractivo do destino (segundo Pilar Taboada de Zúñiga). Valoran positivamente o patrimonio cultural e artístico, a gastronomía, a seguridade, a tranquilidade e a amabilidade da xente.

Finalmente, cómpre destacar que a realización destas actividades permitiríanos abrir un camiño nos novos mercados emerxentes de Asia, Oriente Medio e América do Sur. Pero para poder abrir ese camiño, primeiro deberiamos unir forzas para crear un destino atractivo a todas esas persoas que están interesadas no Turismo Idiomático. A colaboración a nivel local e autónomico é fundamental xa que non se trata dunha competición individual entre os diferentes organismos, senón de cooperar entre todos para crear unha nova opción turística, aínda descoñecida na nosa terra pero que ofrece un futuro moi interesante e que podería chegar a ser un referente no norte de España xa que estamos a falar dun sector que aínda están sen explorar.

15 de xul. de 2013

Presentámonos (con Living Junction)

Living Junction é unha ferramenta gratuíta que nos permite crear revistas e libros dixitais. Aínda que a súa configuración está en inglés, é unha aplicación moi doada de utilizar. Con ela, podes escribir todos os textos que precises utilizando diferentes fontes ou cores, ademais de colocalos onde ti queiras e establecer os enlaces que necesites. Tamén podes subir as túas propias fotografías ou escoller as que che ofrece a aplicación dende Bing (iso si, terás que borrar o enlace que aparece en cada unha delas para evitar que salte a esa páxina). Outra posibilidade que ofrece é a de subir os vídeos de Youtube para completar a información que queres presentar.

Unha vez publicada a túa revista, libro, unidade...podes volver a editala sempre que queiras, ampliando os contidos ou reducíndoos. Sempre podes variar as posicións dos elementos, facelos máis grandes ou máis pequenos, xogar coas cores... O resultado final é aberto xa que dependerá da imaxinación do seu creador ou dos seus creadores porque podes convidar a outras persoas para que colaboran no teu proxecto.

Esta é a nosa primeira proba: unha pequena introdución ás presentacións e saúdos en galego.

En Galego: presentámonos



10 de xul. de 2013

Resultados Celga 2013

Xa podedes consultar, na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística, as notas provisionais das probas Celga que tiveron lugar o pasado mes de xuño.

Lembrade que, se non estades de acordo coas notas,  as reclamacións poderán realizarse mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral de Política Lingüística ou ao enderezo de correo electrónico sxpl.probascelga@xunta.es. O prazo para facelo remata o día 19 de xullo de 2013.

Probas Celga (provisional)


8 de xul. de 2013

Frei Bieito e a Ribeira Sacra

 Temos o gusto de presentarvos a un novo amigo cuxo nome é Frei Bieito. Este personaxe é o novo guía turístico da Ribeira Sacra e será quen nos leve (virtualmente) polos diferentes percorridos que ofrece esta bonita zona do interior de Ourense. Aquí deixamos o primeiro dunha serie de vídeos que creou o equipo de Astrágalo Studio para a promoción cultural e turística da Ribeira Sacra ourensá, dentro do proxecto "Espazo Atlántico, Territorios Creativos Innovadores". Ademais, conta cunha App para o móbil que facilitará a nosa viaxe (agora si, real) por esta contorna ourensá. Sen dúbida, unha estupenda forma de coñecer a nosa historia e a nosa paisaxe. Parabéns pola iniciativa!

7 de xul. de 2013

What do you know about Galicia?

Poñemos o seguinte enlace cunha actividade en inglés sobre Galicia. Forma parte dunha pequena presentación de exercicios que mostraremos nun curso que imos facer este verán...

What do you know about Galicia?


Os números

E continuamos organizando! Hoxe, os protagonistas son os números.