Amosando publicacións coa etiqueta Bell Cambridge. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bell Cambridge. Amosar todas as publicacións

4 de set. de 2013

Bolsas Comenius para profesores: informe final

Unha vez que finalizamos a nosa actividade formativa, temos 30 días naturais para enviar o Informe Final á Axencia Nacional (OAPEE). Este informe témolo que mandar en liña e por correo postal (cunha copia do certificado que nos deron ao finalizar o curso). Despois de entregar toda esta información, teremos dereito a recibir o resto do importe económico da bolsa.

O Informe Final consta de varios apartados nos que debemos poñer toda a información que nos solicitan sobre o curso que fixemos. O primeiro deles trata sobre as actividades preparatorias que realizamos para poder facer con éxito o curso. Nelas están incluídas a preparación lingüística, as lecturas recomendadas dende a organización do curso ou as enquisas previas á realización da actividade que nos enviaron dende Cambridge.

Nun segundo paso, debemos describir os contidos que se incluían na actividade formativa, as tarefas que realizamos e a metodoloxía que empregou a profesora no desenvolvemento das clases. Xunto cos contidos do curso,  teremos que sinalar o seguimento que se fixo das actividades desde Cambridge e o seguimento posterior, ademais de explicar como vai ser a  difusión dos coñecementos que adquirimos e os medios que imos utilizar para realizala (Internet, intercambios, seminarios...).

Unha vez máis, debemos reflexionar sobre o impacto que vai ter na comunidade educativa a nosa participación nesta actividade formativa. Para isto, teremos que describir como vai repercutir a nosa formación na xestión do centro, no labor dos nosos compañeiros ou no proceso de aprendizaxe do alumnos.

Por último, só nos queda facer unha valoración do curso ao que asistimos e engadir os comentarios ou suxerencias que consideremos para que a Axencia Nacional os teña en conta.

Cómpre lembrar que tamén hai posibilidade de solicitar un certificado á Xunta de Galicia no que se recoñeza a nosa participación nunha actividade formativa dentro do Programa Comenius. Estes certificados tamén os poden solicitar todos aqueles que gozen doutro tipo de bolsas dentro dos Programas Europeos. Para conseguilo, hai que acceder á sección Linguas Estranxeiras que aparece ao final do portal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.  Unha vez alí, debemos entrar en Programas Europeos e acceder a Servizos para escoller a opción Expedición de Certificados. Aquí eliximos o enlace que corresponda (no noso caso Formación Continua Comenius) e cubrimos a Acta de Avaliación cos datos que nos piden. Xunto coa Acta, debemos incluír unha breve memoria do curso, copia do informe final que enviamos a Madrid, copia compulsada do certificado que nos deron no curso (pódenche compulsar a copia no rexistro da Xunta no que entregues a documentación ou Delegación Provincial) e un escrito no que figuren os nosos datos e os documentos que presentamos para a nosa solicitude. Este escrito ten que ir dirixido ao seguinte enderezo:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Unidade de Programas Europeos
Edificio de San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela



13 de ago. de 2013

Fin da experiencia Comenius 2013

Que morriña! Estamos en Ourense, pero só pensamos en Cambridge: nos 20º graos de temperatura (aquí temos 30º), nas ceas ás 18.00 h da tarde, nas clases coa doce e marabillosa Anna Young, nas miñas inseparables compañeiras Isabel, María e Virginie (a nosa Spanish girl), na chuvia, nos paseos pola cidade, nas conversacións con Sabina, Irina, Atsuko... e tanta xente estupenda que tivemos a oportunidade de coñecer ao longo desta dúas semanas que durou o Bell Teacher Campus.

Agora toca poñer orde nas fotos, nos recordos e tamén nas tarefas pendentes. A nosa idea era escribir todos os días unha entrada no blog para contar o que iamos facendo nas clases, pero foi totalmente imposible debido á intensa actividade que tivemos ao longo do días. Clases polas mañás, obradoiros, conferencias, actividades turísticas, culturais e excursións tanto polas tardes coma na fins de semana... tantas cousas que contar que non sabemos por onde empezar. Iremos reorganizando todo o material que nos proporcionou a nosa titora, Anna Young, e as diferentes ideas que ela compartiu coa clase. En cada unha das antigas entradas escribiremos un resumo do que fixemos nese día. Poderiamos facer nun novo post coa data actual, pero queremos respectar a ideal principal e completar a información pendente.

Síntome moi afortunada porque de non ser por esta axuda que recibín do Programa Comenius, probablemente nunca tería a oportunidade de realizar un curso tan completo como o que ofrece Bell Cambridge. Clases perfectamente deseñadas, relatores da altura de Martin Parrot ou Jeremy Harmer e xente marabillosa de todas as partes do mundo. Poucas veces temos a posibilidade de compartir conversación con colegas de Xapón, Alemaña, Polonia, Hungría, Italia, Perú... e coñecer como traballan os nosos compañeiros noutros países. Unha experiencia totalmente enriquecedora que nos permitiu abrir a nosa mente a outras formas de ensinar, máis activas, dinámicas e participativas, afastadas do cómodo libro de texto.

Nunca esqueceremos todo o que vivimos, aprendemos e compartimos nestes quince días. Nunca.


9 de ago. de 2013

Días 11 e 12: Cuisenaire Rods

                                                 
                                                     Case 100 palabras novas en 10 días
 Xoves, 8 de agosto

A primeira actividade da mañá xa sabedes que ten que  ver co vocabulario. O sol e as nubes, que estaban baleiros o primeiro día, agora están cheos de palabras interesantes que nos foron chamando a atención a cada un de nós: evensong, toff, brolly ou hubby son algúns dos termos que xa non esqueceremos.

Este xoves, dedicámolo en primeiro lugar a un pequeno debate na clase: cans ou gatos? Facemos dous grupos, un partidario dos cadelos e outro dos felinos. A partir de aquí, cada un de nós ten que discutir co compañeiro sobre este tema: cal destes animais é mellor compañía ou cal deles dá menos problemas. Por parellas, temos que argumentar e dar as nosas razóns para intentar convencer á outra persoa de que a nosa opción é a correcta.

Despois, facemos tres grupos: un coas persoas que teñen cans, outro coas que teñen gatos e outro para as persoas que non teñen mascotas. Neses grupos, iniciamos un debate sobre as correccións que debe facer o profesor: cando facelas, o motivo polo que corriximos, como facelas, que corrixir e quen debe facelas.  No medio do debate, a profe "filtra" a palabra CAROTA, termo que reúne todo o que debemos revisar nas actividades que realizan os alumnos.


C-content/argument
A-accuracy/use of grammar and vocabulary
R-range of language
O-organisation/paragraphs (intro, main body and conclusion)
T-task achievement
A-appropiacy (register/style)

Na segunda sesión da mañá, descubrimos unha actividade fascinante: Cuisenaire Rods. As varas de Cuisenaire utilízanse normalmente no mundo das matemáticas, pero, ultimamente, tamén se empregan no ensino de linguas, sobre todo co denominado método Silent way que utiliza o silencio como técnica de ensino. O profesor realiza os silencios precisos na súa intervención e convida deste xeito a que o alumno fale unha vez que xa se sinta seguro no desenvolvemento da tarefa. As varas de Cuisenaire poden utilizarse para crear historias, para aprender vocabulario, acentuación, ortografía... Na nosa canle de YouTube, temos varios vídeos coas actividades que realizou Anna Young nesta sesión coas varas de Cuisenaire.

             
                                                           Actividades con Cuisenaire Rods

Aquí deixamos algúns dos enlaces que nos recomendou a nosa profe.

Speaking Activities

Speaking extra

Reading extra

Spelling City

Tarde: workshop con Anna Young (Splng, Spelng, Spiling...A creative approach to spelling). Actividades con letras para construír palabras.

Venres, 9 de agosto: último día :(

Hoxe imos traballar con todas as palabras que seleccionamos no noso mural de vocabulario. Poñémolas na mesa e, ao seu carón, unha imaxe dun semáforo. Se coñecemos o significado da palabra, colocámola cerca da cor verde do semáforo. Se non o coñecemos, na cor vermella. Na laranxa, poñemos aqueles termos cos que temos dúbidas.  Entre os grupos, intentamos lembrar os significados de todas as palabras.

                                                                      O semáforo

Máis actividades que realizamos co vocabulario:
-Unha persoa ten que dar a definición da palabra que lle toca e os demais temos que adiviñar cal é.
-Colocamos todas as palabras na mesa. Un dos compañeiros pensa unha palabra e defínea. Os demais temos que coller rapidamente a tarxeta coa palabra correspondente á súa definición.
-Xogo dos puntos: nun papel debuxamos 25 puntos. Necesitamos dous concursantes e un árbitro. O árbitro le as definicións e os concursantes teñen que adiviñar a palabra. Quen a adiviña primeiro pode facer unha raia entre dous puntos. Gaña o que termina facendo un cadrado.

Dot Game

-Poemas con nome: creamos poemas cos nomes dos compañeiros. Aquí deixo o que fixeron sobre min...



Finalizamos a clase coa entrega dos certificados e regalándolle á nosa estupenda teacher, Anna Young, un pequeniño detalle (cheo de cariño, iso si). A continuación, ten lugar o acto de despedida no Auditorium.



Pola tarde, última excusión á preciosa vila de Bury St Edmunds


E, finalmente, incrible festa de despedida!

7 de ago. de 2013

Día 10: clase de xornalismo

Despois de facer o habitual repaso de vocabulario, seguimos cos binomials. Unha persoa le o principio do binomial e outra ten que dicir a segundo parte para completar a expresión:  
  
                                                              Back and - Forth

Seguimos traballando o vocabulario: unha persoa di unha palabra e outra ten que dar a definición dese termo.

The dice story: nun papel, escribimos seis lugares, seis persoas famosas, seis maneiras de viaxar, seis actividades para facer nas vacacións, seis cousas que poden saír mal nas vacacións e seis formas de finalizar as vacacións. Tiramos o dado ata seis veces e, o número que sae de cada vez, vai marcar as partes da historia que imos crear. Para facer a nosa, temos os seguintes elementos:

                     París - Beckham - by car - trecking - loose your wallet - buying souvenirs.

Journalist: temos unha foto peculiar para cada grupo. Nós somos xornalistas e temos que buscar información sobre a foto (6W). Facemos as preguntas, escribímolas ao carón da foto e intercambiámolas con outro grupo para que escriba as respostas.

                                                      A nosa historia coas ovellas de cores

Pola tarde, Plenary Talk: Jeremy Harmer and Yes, but why do we need teachers at all? Información interesante nestes enlaces:

Hole in the wall

SOLE

E despois... Punting no río Cam!


6 de ago. de 2013

Día 9: para falar máis

 Lembramos vocabulario.

Papeis de cores, dados e fichas. En tres papeis de cores diferentes, cada un de nós escribe unha data importante na nosa vida, un lugar turístico no noso país e a palabra favorita na nosa linuga. No meu caso: 1977, Santiago de Compostela e bolboreta. Despois, colocamos esas palabras na mesa e construímos con elas un taboleiro. Tiramos o dado e, á persoa que lle toca, fala durante 30 segundos sobre a súa elección (ou ben, a outra persoa trata de adiviñar o significado desas tres eleccións).

A parte máis importante da clase vén cando retomamos o tema do inglés contemporáneo. A creación de novas palabras é algo fascinante neste idioma. Dende Brangelina ata brolly, veggie, wags, bridezilla, de-friend...e sen esquecer os binomials: hustle and bustle, odds and ends, wine and dine... Temos novas palabras a partir do blending, clipping, loan words/borrowings ou os acronyms.


Pola tarde, workshop: Poetry, con Jim Carmichael. Escapada a The Orchard Tea Garden e visita á Cambridge University Bookshop.


5 de ago. de 2013

Día 8: intelixencias múltiples

Días 6 e 7: fin de semana de excursión a Londres (London Eye, Stamford Bridge) e Oxford.

Nova semana e oitavo día en Cambridge. Continuamos recollendo vocabulario para o noso mural.

Debate en círculo. Colocamos as cadeiras en dous círculos e falamos coa persoa que temos diante. Cales son os nosos cinco sentidos? Cales son as nove intelixencias?

Senses
V-visual (sight)
A-auditory (listening)
K-kinaesthetic (touch)
O-olfactory (smell)
G-gustatory (taste)

Para o emprego dos sentidos na clase:  Neuro Linguistic Programming.

Teoría das Intelixencias Múltiples, Howard Gardner.  
      
Affective Filter.

Teaching for Success, Mark Fletcher

Fun Class Activities, Peter Watcyn-Jones

10 Commandments for Motivating Language Learners

Who are you in the picture? Inventar a vida das persoas que aparecen nesta imaxe e tratar de adiviñar que personaxe escolle o compañeiro.  En que parte do cadro che gustaría estar?

                                                          Nighthawks by Edward Hopper

Describir a mesma fotografía pero con diferentes puntos de vista. A un gústalle a cidade, a outro o campo...

                                                                         New York


Imaxe de persoa famosa en dúas partes. Temos que atopar a outra parte mediante descricións, sen dicir o nome. Unha vez que o temos, facemos unha pequena entrevista (90 segundos) para intentar obter información sobre ese famoso.

Ranking: lista con deportes perigosos, con lugares máxicos, con consellos  para unha persoa desempregada...

Visualización: pensar en como pode ser alguén (Carlos, the chocolate maker).

Pola tarde, Cultural  Talks: Toffs, chavs and middle-classes: the British class system, con Lindsay Warwick.

2 de ago. de 2013

Día 5: pronunciación

Último día da primeira semana. Lembramos vocabulario anterior, igual que todos os días. Hoxe, pronunciación. Practicamos os sons do inglés. A profe reparte unhas cartas cos fonemas e nós temos que pronuncialos en diferentes palabras. Facemos grupos de familias segundo a afinidade dos sons. O libro Ship or sheep? de Ann Baker axúdanos nesta tarefa de identificar os minimal pairs. Tamén o que ocorre neste vídeo permite ver o importante que é para un falante distinguir ben estes sons...


Outra actividade é a de buscar esas palabras nun debuxo, seleccionalas nas letras dunha canción ou agrupar os versos dese tema segundo o seus sons. Na clase, traballamos con esta canción de Noah and the Whale.


Unha vez máis, a profe quere que nos movamos pola clase e dános un papel cun verso da canción a cada un de nós. Cando soa ese verso, temos que poñernos en fila ata completar a canción.

Antes de finalizar a clase, unha das compañeiras móstranos este vídeo sobre os acentos e os seus problemas...



Pola tarde, temos unha interesantísima excursión a Ely para ver a súa impresionante catedral e gozar dun té en Peacocks Tearoom.

                                                                        Ely Cathedral

1 de ago. de 2013

Día 4: filosofía para nenos ou thunks

O sol brilla en Cambridge. Moitisima calor, pero non paramos. Clases, obradoiros, visitas, xantar na herba do Homerton College, pubs... Todo estupendo, mágoa non ter máis tempo para poder contar o que estamos a facer estes días. De momento, abrimos estas pequenas entradas no blog para poder completalas con toda a información e actividades que estamos a vivir na nosa estadía no Reino Unido. Máis adiante, dedicaremos un tempo a preparar o material e comentalo aquí. De momento, dúas ideas:

1.  Aproveitemos o espazo da clase e movámonos por ela.

2. Podemos ter o móbil con nós e darlle uso. Deberiamos ir esquecendo iso de "garda o móbil que non che fai falta para nada".

O primeiro que facemos é lembrar unha das palabras que vimos onte para poñela no mural de vocabulario. Despois, continuamos cunha nova actividade, neste caso My friend Tessa. A tarefa consiste en dicir o que lle gusta a Tesa ata saber que é o que teñen en común as oracións que vai dicindo a profe. My friend Tesa likes swimming, but she doesn't like water; She likes beer, but she doesn't like wine; She likes running, but she doesn't like walking... Todas as actividades e as cousas que lle gusta facer a Tesa teñen doble letra (swimming, beer, running...). Isto está relacionado cos Thunks, unha especie de filosofía para nenos que pretende tirar partido do pensamento crítico dos cativos.

Continuamos coa clase e pasamos de novo ao vocabulario. Agora intentamos presentar as palabras de diferentes formas para entender mellor o seu significado e lembrar as relacións que establecen con outras palabras. Podemos empregar as definicións e o contexto, fotografías, antónimos, mimo, escala de gradación...Pero sempre lembrando as iniciais M-P-F (meaning=significado, pronunciation=pronunciación e form=forma).  Nesta sesión aparece o concepto de Lexical Approach de Michael Lewis que se basea en que, para aprender unha lingua estranxeira, é máis útil estudar o vocabulario e as colocacións de determinadas palabras que a gramática. Para ver como funcionan algunhas palabras, con que verbos adoitan ir ou con que estruturas aparecen, podemos ir á páxina Just the word e alí, ao introducir a palabra coffee no apartado Combinations, veremos todas as estatísticas relacionadas con ela. Outra ferramenta que nos serve para este tipo de actividades é o The Collocations Dictionary . Unha vez que introduces a palabra neste dicionario, aparecen as súas principais combinancións con outros verbos, adxectivos ou nomes. Ademais, hai unha ampla gama de Apps  como son My Word Book, The Pronunciation ou Learn Bots.

O truco que nos dá a profe para memorizar as novas palabras que aprendemos é o de relacionar o seu son cunha palabra que soe de xeito similar na nosa lingua, establecer conexións entre a lingua materna e a lingua que estamos a aprender (Psychology for Language Teachers).

E pola tarde un novo workshop, esta vez con Lindsay Warwick: What did you say? Helping studentes listen. Despois, visita ao Xardín Botánico e, para finalizar o día, obra de teatro ao aire libre. Estase a celebrar o Cambridge Shakespeare Festival e temos a oportunidade de ver nos xardíns de Homerton College a obra O soño dunha noite de verán. Unha auténtica delicia!



                         

31 de xul. de 2013

Día 3: inventamos historias

Comezamos a mañá lembrando as palabras do día anterior e ampliando o mural de vocabulario. Despois, pasamos a realizar o 5-4-3-2-1, que consiste en buscar ese número de obxectos na aula (cinco murais, catro ventás, tres encerados...). Logo, por parellas e en grupos, discutimos sobre a mellor maneira de presentar a gramática ante os alumnos. A profe, novamente, escribe unha serie de letras: M-P-F (Meaning-Pronunciation-Form)

                        

 Estas iniciais correspóndense con Significado-Pronunciación-Forma. Presentamos o vocabulario ou a gramática nun contexto natural que o alumno entenda, explicamos a súa forma e corriximos a pronunciación. Por exemplo, para presentar o Present Perfect, a profe móstranos dúas fotos, unha dun rapaz e outra dunha rapaza.


  










A partir destas fotos, elaboramos a nosa propia historia. Poñemos nome e apelidos a cada un deles, estudos, profesión, afeccións, relacións...e decidimos que hoxe é o aniversario da rapaza. Para sorprendela, o seu mozo preparou unha cea romántica e fixo as tarefas da casa. Cando ela chega pola noite, atopa todo limpo e unha bonita mesa adornada cunhas candeas. Unha vez que chegamos a esta situación, comezamos a elaborar as oracións utilizando o tempo verbal correspondente: when she arrives, he has cleaned the room. Son os alumnos os que crean a historia, o que crean un contexto que eles entenden. Nese contexto que eles elaboran, resúltalles máis doado entender o significado deste tempo verbal. A profe limítase a explicar o resultado e a corrixir a pronunciación, especialmente nas contraccións (he has, he's). 

Para comprobar que o alumno entendeu a explicación, o propio estudante ten que elaborar preguntas e respostas axeitadas a esta situación. 


                                                                Libro de actividades

Na segunda parte da clase, seguimos inventando historias. Agora, a profe trae unha pequena maleta con diferentes obxectos dentro dela: unha carteira, unhas chaves, billetes, un mapa... E que temos que facer nós? Construír o contexto para desenvolver a historia desa maleta. Un home nunha estación, a maleta que desaparece, a sala de obxectos perdidos e un policía revisando o que  hai dentro da maleta.

Outra maneira de inventar é mediante o Anti-Quiz. Nós temos as respostas e debemos crear as preguntas para elas pero, non preguntas normais senón preguntas falsas ou creativas. Por exemplo, se temos a palabra Everest, podemos preguntar cal é a montaña máis pequena do mundo ou cal é a máis fermosa. Aquí podemos xogar cos graos do adxectivo e utilizar os superlativos. 

Para traballar coas oracións condicionais, temos o xogo da cadeira. Poñemos as cadeiras en círculo e a unha persoa no medio. Esa persoa di unha frase e nós temos que cambiar de sitio se coincidimos con esa situación que di. Quen perde a cadeira queda no medio e di unha nova frase: change your chair if you like pizza.

Pero a actividade máis imaxinativa é a que require da mentira. Damos catro informacións sobre a nosa vida persoal ou profesional pero só unha delas é verdadeira, as outras son mentira. Temos que convencer aos nosos compañeiros de que todo o que dicimos é verdade mediante diversos argumentos.

Por último, dúas actividades creativas, unha coa ventá de Johari e outra con debuxos. 


                                                                     Ventá de Johari

Pola tarde, seminario con Martin Parrott sobre os cambios no ensino do inglés: Grammar, correctness and language evolution: what no to teach?

                                                                        Martin Parrott

Pola noite, Touchable Dreams con Jeremy Harmer e Steve Bingham: combinación de música e poesía. Coñecedes este tema?

30 de xul. de 2013

Día 2: a lectura

No segundo día de curso, continuamos a facer actividades para coñecernos e "romper o xeo". Hoxe temos que preguntarlles aos nosos compañeiros polo ano do seu nacemento para sentarnos de esquerda a dereita, do máis vello ao máis novo. Unha vez que xa temos o noso sitio asignado, o que facemos é preguntarlle á persoa que temos ao lado polo seu aniversario máis especial e despois explicámosllelo ao resto dos compañeiros. Unha actividade tan sinxela axúdanos a memorizar os nomes de tod@s e a falar un pouquiño entre nós.

A segunda actividade consiste en lembrar algunha das palabras que aprendimos o día anterior, comentala co resto da clase e escribila para pegala despois nun dos murais da clase.

                                                 Imos construíndo o noso propio vocabulario

Pero hoxe ímonos centrar no inglés contemporáneo, en como vai cambiando a lingua e creando novas palabras que son admitidas sen problema pola comunidade. Moitas delas proceden dos medios de comunicación e a xente vainas adoptando no seu vocabulario habitual. Neste vídeo, podemos escoitar algunhas delas.

 

Ademais, temos os compounds que son combinacións de palabras ou termos que xa existen e que dan lugar a novos significados. Para coñecer máis compounds, a profesora reparte unhas fotocopias coas definicións desas novas palabras e nós temos que adiviñalas. Para conseguilo, temos unha pequena axuda: dúas barallas de palabras de dúas cores diferentes. As palabras que van diante están en cor rosa e as palabras que van ao final, en azul. Por exemplo, para a seguinte definición "something you love but are slightly embarrassed to admit it (ex: 80s music)", o compound que lle corresponde é guilty pleasure .

Na seguinte sesión do día, temos que facer dous equipos e colocarnos en dúas ringleiras diante do encerado. Cada persoa ten que escribir unha palabra que lembre e que teña relación co tema de hoxe, neste caso, a cidade de Cambridge.

Despois, a profe reparte unhas fotografías e uns papeis cos nomes das persoas ou lugares que aparecen nesas fotos. A min tócame o nome de Winnie the Pooh, o famoso oso cuxo autor (Alan Alexander Milne) ten relación coa cidade de Cambridge porque estudou no Trinity College, e teño que atopar a outra persoa que teña a súa foto para formar a nosa parella. Unha vez que están todas as parellas feitas, escoitamos o texto que nos le a profesora. Trátase da información sobre a cidade de Cambridge que adoitan contar os guías turísticos nos Punting Tours. A medida que ela vai lendo, as parellas temos que estar atentas e cando di os nomes dos personaxes ou lugares que nos corresponden, ímonos colocando nunha fila. Van saíndo o Mathematical Bridge, Queen's College, Clare College e tamén o noso Winnie the Pooh. Unha maneira diferente de traballar co texto.

Outra actividade para facer co mesmo texto consiste en, unha vez máis, escoitar a narración da profesora mentres que nós temos que localizar os lugares que ela vai dicindo nun mapa da cidade de Cambridge. 

Ademais, tamén podemos ler ese texto pero de maneira fragmentada. A profesora pásanos unha fotocopia con preguntas para nós e coloca os fragmentos do texto polas paredes da clase. Despois, nós teremos que ir léndoos ata completar todas as respostas.

Para finalizar a clase, a profesora fálanos da estrutura que utilizou para traballar co texto e realizar as diferentes actividades. Móstranos as seguintes iniciais: P - W - P . Serían as inicias de Pre-reading,  While (During)-reading e Post-reading. A actividade coas fotos que facemos antes de ler o texto serve para lembrar os nomes dos protagonistas da información e axuda a que os alumnos formen parte da historia, ademais de animalos a predecir cal pode ser o argumento. Nesta fase, o alumnado pode poñer en prácticas os seus coñecementos previos sobre o tema (schemata).

As palabras que escribimos no encerado por equipos son unha especie de pequena tormenta de ideas, pero feita doutro xeito. Son actividades que facemos antes da lectura para chamar a atención do alumando pero que tamén teñen outros obxectivos como, por exemplo, aclarar o significado de determinado vocabulario.

Mentres a profesora lía o texto, nós colocabamonos por orde na aula. Esperamos a escoitar a información principal, a que nos interesaba, polo que estabamos a facer unha selección das ideas desa lectura para quedarnos só coas que nos interesan. Aquí é importante destacar as catro técnicas de lectura que manexa a profesora:  skimming, scanning, intensive e extensive reading. Ademais destes conceptos, tamén sae outro novo, "reading for gist", que consiste en buscar no texto a información principal, o que realmente importa.

Unha vez que terminamos a lectura, podemos facer máis actividades: elaborar outra guía turística para outra cidade, deseñar esa guía con Google Earth, gravar un vídeo sobre a cidade, recrear unha axencia de viaxes...

Hoxe, ademais das clases habituais no curso, temos dúas actividades máis, un workshop con David A. Hill e un Cultural Talks con Jacqueline Douglas. O título do workshop é Music and song: beyond the gap-fill e nel realizamos tarefas con diferentes tipos de música. Por outra banda, a profesora Jacqueline Douglas dá a seguinte charla: Don'ts and don'ts: what's rude and what's taboo in British culture. A palabra que máis se repite ao longo da súa intervención é polite cuxa tradución ao galego sería educado, correcto ou cortés.


29 de xul. de 2013

Día 1: para romper o xeo

Xa estamos instalados no que vai ser o noso fogar durantes estes quince días. Onte chegabamos a Londres (coa amabilidade de Ryanair, sen problemas) sobre as sete da tarde e, despois dunha pequena espera, colliamos o tren en Stansted en dirección a Cambridge (trinta minutos de viaxe). Na nosa chegada  sorprendeunos que, ao dicir que eramos galegas, todo o mundo se preocupaba polo accidente ferroviario de Santiago de Compostela.

Despois desta emotiva benvida, atopámonos con outra alumna do curso de Bell Teacher Campus, tamén galega e colega coa que coincidimos no noso primeiro traballo no IES Lama das Quendas de Chantada. Está visto que o mundo é máis pequeno do que pensamos! Inspeccionamos as instalacións do Homerton College e despois a descansar, que aquí adoitan madrugar.

Hoxe luns, tivemos que erguernos cedo porque serven o almorzo ás 7.30 h. Despois, unha pequena presentación do que vai ser o noso programa de actividades e reunión cos titores que imos ter nestas dúas semanas. A nosa profe chámase Anna Young e foi a encargada de ensinarnos as diferentes aulas que temos na academia, dende biblioteca a sala de computadores.

O noso grupo está formado por 16 persoas de 8 nacionalidades diferentes (xaponeses, rusos, italianos...) e nesta primeira sesión, as actividades estiveron dirixidas a romper o xeo e a presentarnos. En primeiro lugar, tivemos que sentarnos por orde alfabética polo que esta actividade obrigounos a preguntar os nomes dos nosos colegas.

A seguinte tarefa consistiu en pór un adxectivo á persoa que estaba ao noso carón que empezase pola primeira letra do seu nome. A continuación, nun folio, escribimos o noso nome e o noso adxectivo, pegamos o folio nas nosas costas e os demais tiveron que escribir unha pregunta nel sobre a nosa vida persoal e profesional ata contabilizar dez cuestións. Coas nosas respostas, pasamos a elaborar un pequeno mural en grupo. Entre catro persoas, tivemos que escribir esa información nunhas cartolinas de cores e adornala con algúns debuxos para poñelas na parede. Estas actividades que realizamos no primeiro día aparecen no libro Being Creative de Chaz Pugliese.



A segunda parte da clase centrouse nas expresións idiomáticas en inglés. Unha vez explicados os seus significados, novamente tivemos que buscar entre os asistentes ao curso, persoas que se sentisen identificadas con esas expresións. As frases feitas que utilizamos nesta actividade están recollidas nos libros English Idioms in Use de McCarthy/O'Dell e en Check Your English Vocabulary for Phrasal Verbs and Idioms de R. Wyatt.

Á unha da tarde finalizaou a primeira clase. Descanso para comer e ás dúas comezamos coa clase da tarde. Hora e media na que fixemos un test de cultura xeral sobre Reino Unido (Group work - Intermeditate, Peter Watcyn-Jones) e, ao finalizar, analizamos as diferentes actividades que fixemos no día de  hoxe para poder adaptalas a outras circunstancias. A verdade  é que as clases pasaron rapidamente e que o curso parece que vai ser interesante. Intentaremos ter o blog ao día pero vai ser difícil porque non imos ter moito tempo. 


A nosa presentación




28 de xul. de 2013

Comenius 2013: camiño de Cambridge

Chegou o día! O domingo 28 de xullo, iniciamos a nosa viaxe a Cambridge para realizar nesa cidade un curso moi especial. Pasaremos dúas semanas no Homerton College, un colexio que está situado no corazón do campus universitario, para participar no curso Language and Methodology Refresher (Secondary/Adult) que organiza a institución Bell English no seu programa especial para profesorado (Bell Teacher Campus).

O certo é que se podemos asistir a esta actividade é grazas á importante axuda económica que nos proporciona o Programa Europeo Comenius  e que subvenciona cursos de formación para os docentes. As persoas que a solicitan poden escoller entre infinidade de actividades que teñen lugar dentro do marco da Unión Europea. Dende o primeiro momento, estivemos interesados en facer un curso que nos permitise mellorar o nivel de inglés, pero tamén coñecer novas metodoloxías no mundo do ensino. A nosa opción favorita era este interesante curso en Cambridge polo que fixemos a solicitude en xaneiro e no mes de marzo xa nos comunicaron que estabamos admitidos.

Para realizar a solicitude, hai que dirixirse ao enlace que ofrece a páxina da Agencia Nacional e alí pódese atopar toda a información necesaria, dende o catálogo de cursos ata a guía de solicitude.  Ademais dos vosos datos persoais e información sobre o curso que elixades, teredes que facer unha especie de "candidatura" na que deberedes explicar os vosos motivos para pedir a participación nunha actividades destas características. No formulario hai uns espazos que están destinados a especificar cales son as actividades que tedes pensado realizar para preparar a vosa participación na actividade formativa. Isto acostuma facer referencia á preparación lingüística xa que  hai que ter en conta que o curso terá lugar nun país da Unión Europea que non é España e, polo tanto, deberedes coñecer o seu idioma. Un segundo punto está relacionado cos obxectivos que pretendedes acadar coa asistencia a esa actividade (oportunidades laborais, ampliar coñecementos, mellorar nivel de inglés...) e o terceiro, co que eles chaman "impacto". Isto ten que ver coa repercusión que a realización do curso terá no voso centro de traballo, outros docentes, alumnado...

Xunto a estes puntos, tamén ten moita importancia o valor europeo que cobra a actividade, o feito de comunicarse con colegas de outros paises para intercambiar coñecementos e falar de futuros proxectos que axuden a promover a "mobilidade xeográfica". Unha das finalidades deste programa e propiciar o encontro entre profesionais para que despois dende os centros de traballo se dea lugar colaboracións entre escolas e institutos de diferentes países. Para conseguir isto, tamén teredes que deseñar un plan de difusión dos coñecementos adquiridos. Neste plan, hai que explicar as actividades que se realizarán para difundir as actividades realizadas, as ideas compartidas e o proxectos de futuro que levaredes a cabo co voso centro, outros profes, alumnado ou de xeito individual.

Polo que a nós respecta, estas últimas semanas, estivemos preparando a nosa viaxe e todo o papelame que precisamos para gozar con total seguridade dos quince días que vai durar a nosa estancia en UK. Ademais das clases matinais,  tamén poderemos participar das excursións e actividades sociais que organiza a academia e que inclúen visitas ao British Museum ou pequenas escapadas a Canterbury. De todo o que vaiamos facendo, daremos boa conta dende este blog. Agardamos escribir as nosas próximas entradas dende terras inglesas. See you!

                                                             Homerton College, Cambridge