13 de ago. de 2013

Fin da experiencia Comenius 2013

Que morriña! Estamos en Ourense, pero só pensamos en Cambridge: nos 20º graos de temperatura (aquí temos 30º), nas ceas ás 18.00 h da tarde, nas clases coa doce e marabillosa Anna Young, nas miñas inseparables compañeiras Isabel, María e Virginie (a nosa Spanish girl), na chuvia, nos paseos pola cidade, nas conversacións con Sabina, Irina, Atsuko... e tanta xente estupenda que tivemos a oportunidade de coñecer ao longo desta dúas semanas que durou o Bell Teacher Campus.

Agora toca poñer orde nas fotos, nos recordos e tamén nas tarefas pendentes. A nosa idea era escribir todos os días unha entrada no blog para contar o que iamos facendo nas clases, pero foi totalmente imposible debido á intensa actividade que tivemos ao longo do días. Clases polas mañás, obradoiros, conferencias, actividades turísticas, culturais e excursións tanto polas tardes coma na fins de semana... tantas cousas que contar que non sabemos por onde empezar. Iremos reorganizando todo o material que nos proporcionou a nosa titora, Anna Young, e as diferentes ideas que ela compartiu coa clase. En cada unha das antigas entradas escribiremos un resumo do que fixemos nese día. Poderiamos facer nun novo post coa data actual, pero queremos respectar a ideal principal e completar a información pendente.

Síntome moi afortunada porque de non ser por esta axuda que recibín do Programa Comenius, probablemente nunca tería a oportunidade de realizar un curso tan completo como o que ofrece Bell Cambridge. Clases perfectamente deseñadas, relatores da altura de Martin Parrot ou Jeremy Harmer e xente marabillosa de todas as partes do mundo. Poucas veces temos a posibilidade de compartir conversación con colegas de Xapón, Alemaña, Polonia, Hungría, Italia, Perú... e coñecer como traballan os nosos compañeiros noutros países. Unha experiencia totalmente enriquecedora que nos permitiu abrir a nosa mente a outras formas de ensinar, máis activas, dinámicas e participativas, afastadas do cómodo libro de texto.

Nunca esqueceremos todo o que vivimos, aprendemos e compartimos nestes quince días. Nunca.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.